Nun mundo apremiado polo audiovisual, onde todo se graba, todo se comparte e o acceso a calquera tipo de información é inmediato e vén peneirado a través das mans de moitas persoas que, antes de nós, estiveron a procurar o mesmo a lectura pode semellar algo van, antigo, vinculado ao pasado, lento... Non obstante as novas tecnoloxias non fan máis que refrendar que ler segue sendo algo fundamental para os humanos. Escribimos e lemos máis que nunca aínda que agora o fagamos de modos diferentes. Ter acceso a máis información e modos diferentes de chegar até ela pode resultar desde aterrador até desconcertante pola inxente cantidade á que podemos acceder (de aí a relevancia da curación social de contidos) ; podemos crer que é posíbel vivir afastados e afastadas das novas tecnoloxías, vivir felices sen twitter, sen facebook, mesmo sen móbil porque cremos que así controlamos máis, non xa as nosas vidas senón a nosa capacidade de emitir e de recibir información mais, probabelmente, esta é unha postura errónea.
Temos que necesidade de nos converter en usuarios e usuarias activas de internet, non deixar que a información pase por nós senón construíla, xestuinala, organizala, facer que traballe para nós e non nós para ela. Afortunadamente dispomos dun bo número de ferramentas (Feedly, RSS, Diigo) que nos permiten seleccionar, gardar, clasificar todo aquilo que nos resulte interesante, podemos xestionalo de forma visualmente eficaz (Pinterest, Flickr, You Tube) e, cando todo falla e aínda así precisamos de alguén que nos bote unha man temos aí as redes sociais (Facebook, Twitter) cun bo número de compañeiros e compañeiras de camiño con quen podemos consultar as nosas dúbidas. O noso traballo pasa de estar nas nosas mans a estar nas mans de calquera, non para dañalo senón para melloralo (Wikis, Issuu, Slideshare...)A dinamización lectora entre os sectores poboacionais máis novos (e tamén entre os demais, por suposto) precisa de persoas dispostas a sacarlle todo o partido ás moitas ferramentas de que dispomos; por que non organizarmos clubs de lectura virtuais, sínteses de obras a través de twitter, liñas do tempo dos nosos autores e autoras preferidos, constelacións literarias que brillen na rede? Compartamos as nosas experiencias, non perderemos o noso traballo, gañaremos o traballo e o punto de vista de moitas máis persoas embarcadas no mesmo proxecto, de non ser así corremos o risco de que as árbores de internet non nos deixen ver o bosque e hai moitos bosques por ver.
Ningún comentario:
Publicar un comentario